domingo, 1 de febrero de 2026

Ventín enchese de luz e compromiso polo Día da Paz

O pasado 30 de xaneiro, o noso cole tinguiuse de branco e de esperanza para celebrar o Día da Paz. Durante toda a xornada, os corredores do centro foron a testemuña dun gran traballo colectivo no que cada aula elaborou o seu propio lema, cargado de mensaxes positivas e desexos de concordia. Estas frases quedaron recollidas nun gran mural comunitario, onde árbores cheas de corazóns e mans unidas lembran que a paz se constrúe entre todos e todas día a día.

A ambientación non quedou atrás, cunha decoración moi especial na que a nosa mascota da biblioteca, Tin, se converteu en embaixadora universal. Puidemos vela viaxando por todo o mundo, vestida con traxes típicos e amosando como se escribe a palabra "PAZ" en multitude de linguas. Para pechar esta celebración tan emotiva, unimos as nosas voces para cantar xuntos "De que che vale" de Jesús Pareja, unha canción que nesta ocasión serviu como un auténtico himno á convivencia e ao respecto. Foi, sen dúbida, un día para aprender que os pequenos xestos son os que fan posible un mundo mellor.