O pasado 23 de abril, coincidindo co Día do Libro, a nosa biblioteca recibiu unhas visitas moi especiais. Non se trataba de novos alumnos, senón das nosas queridas mascotas de aula, os Tin, que baixaron dende as súas clases acompañados polo alumnado voluntario para compartir as súas lecturas favoritas.
Cada clase elixiu un libro especial para que a súa mascota o presentase na biblioteca, creando un rincón de recomendacións de o máis variado:
1º A: Presentounos o desexo de medrar con "Quiero ser grande".
2º D: Apostou por un clásico da nosa terra, "Rata Linda de Compostela" de Bernardino Graña.
3º B: Viaxou no tempo coas "Las increíbles aventuras de D. Quijote de la Mancha" (Vol. 1).
4º A: Encheu a sala de risas coas ocorrencias de "Mortadelo y Filemón: Los monstruos".
5º E: Puxo o toque de curiosidade co impresionante libro de "Ciencia: La ciencia como nunca antes la habías visto".
6º C: Sorprendeunos cun título intrigante e divertido, "Meu avó o presunto" de Paloma Bordóns.
Foi unha xornada chea de ledicia onde as mascotas demostraron que elas tamén son unhas grandes afeccionadas á lectura e que están encantadas de acompañar aos nenos e nenas nas súas aventuras literarias diarias.
Queres ver o desfile das nosas mascotas coas súas recomendacións? Preparamos un vídeo moi especial con todas as fotos desta xuntanza tan animal:
Moitas grazas aos voluntarios e voluntarias por axudar aos nosos Tin nesta misión tan importante! E a vós... cal destas recomendacións vos apetece ler primeiro?